Monday 29 de April de 2024

A sala municipal de exposicións de Brión acolle este venres “As parábolas de Pakolas”, un contacontos a ritmo de rock


 

A sala municipal de exposicións de Brión acollerá este venres a actuación de Paco Cerdeira “Pakolas”, que presentará o seu espectáculo “As parábolas de Pakolas”. Un contacontos a ritmo de rock de 50 minutos de duración e que está dirixido a un público infantil e familiar, que poderá asistir ao espectáculo a partir das 18:00 horas. A entrada é libre e de balde.

“As parábolas de Pakolas” son unha recompilación de temas propios de Paco Cerdeira baseados na música rock e con letras axeitadas para os máis pequenos, nas que adoita recoller historias e contos dirixidos a ese público infantil. Ademais de tocar e interpretar cada canción coa súa guitarra, durante o espectáculo se amosará ao público os libros que serven de inspiración ás cancións, animando así á súa lectura.

Este espectáculo pon o punto e final ao Maio Cultural do Concello de Brión, que incluíu un total de 17 actividades, na súa gran parte dirixidas exclusivamente aos escolares do municipio. Un programa organizado polo Concello de Brión e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, da Biblioteca Pública Municipal, así como o CEIP de Pedrouzos, o IES de Brión e as escolas unitarias de Os Ánxeles, Bastavales e A Luaña.